viernes, 24 de febrero de 2012

Redes sociais e novas tecnoloxías

Todo comeza na mocidade


Din que o primeiro síntoma de senilidade aparece cando alguén expón a seguinte cita: “Calquera tempo pasado foi mellor”. E non podo estar máis de acordo, non co dito, senón co feito de que pensar de este xeito é propio da xente que se vai facendo maior, non por idade, senón pola actitude que presenta ante a vida.
Nós, as novas xeracións, estamos a ser demonizados continuamente pola sociedade en xeral, que nos describe como a mocidade sen metas nin obxectivos na vida, os que pensamos vivir dos nosos pais ata que podamos vivir dos nosos fillos. Mais non pode ser máis inxusta esta definición pois as circunstancias actuais abócannos a unha vida de fracasos, non hai máis que botar a vista ao mundo; estamos a vivir unha crise económica a nivel mundial moi grave e somos nós, os mozos, os máis prexudicados. As cifras de porcentaxes do paro xuvenil español son das máis altas de Europa. Isto lexitima a moita xente a falar da tópica xeración “ni-ni” , xuventude que nin estuda nin traballa nin amosa preocupación de ningún tipo. Mais esta afirmación carece de fundamento, pois a realidade confirma a tese contraria: temos metas na vida e traballamos duro para chegar a elas, aínda que as circunstancias non nos sexan favorables.
De feito, son as nosas ganas, a nosa forza, as que poñen en funcionamento o mundo. Pode semellar que todo vai por inercia, pero sempre é a xuventude a que inicia todos os movementos destacados ao longo da historia. Non temos que retrotraernos excesivamente na cronoloxía da humanidade para ver movementos liderados polos mozos. Simplemente na época contemporánea localizamos casos concretos do citado:  dende maio do 68, quizais un dos movementos máis importantes do século pasado, ata “a primavera árabe” atopámonos con revolucións creadas por mozos dispostos a reivindicarse para reclamar unha sociedade mellor. Quizais sexa a nosa actitude non conformista a que nos conduce a pedir unha e outra vez os cambios, porque loitamos non só polos nosos dereitos, senón polas melloras do mundo en xeral.
E para finalizar, queremos botar unha ollada ao noso entorno; que fixemos nós para merecer un mundo no que apenas temos opcións de atopar un emprego? Que faremos ao rematar os nosos estudos? Que futuro nos espera se a crise non remata proximamente? Como sempre, seremos os mozos os que teremos que acudir ao rescate da sociedade. Seremos os únicos que non consigan vivir mellor que os nosos proxenitores? Esta é a herdanza que nos deixan, pero saberemos sair adiante e afrontar a situación. Será só unha pequeño anticipo do que somos capaces de facer, amosaremos unha capacidade para rexenerarnos despois dunha gran crise na que nos vemos somerxidos, demostrando así o noso poder nesta sociedade que nos ofrece máis dificultades que vantaxes.

Borja Martínez Pérez
IES Fene

Perdoa se te chamo individualista

Unha sociedade estancada, inmovilista, sen obxectivos ; este é o mundo que nos toca vivir.
A nivel mundial están a suceder acontecementos que marcarán a nosa historia: a primavera árabe, o 15M, o tsunami de Xapón, a crise económica mundial… un caldo de cultivo que determinará as nosas vidas e as dos nosos herdeiros. E toda esta efervescencia, en lugar de unirnos para construir un mundo mellor que o que temos, lévanos a estar “tirados” no “chaise longue” co mando a distancia da tele nunha man e o móbil na outra.
Non hai dúbida: as novas xeracións somos individualistas. Vivimos por e para nós mesmos e a sociedade non vacila en promover o noso egocentrismo. De feito aprendemos isto dende pequenos, na casa e na escola; fomentánnos a aprendizaxe de conceptos e nocións, pero non nos falan da intelixencia emocional, non se transmiten valores nin aprendemos a empatizar coa sociedade. E como consecuencia de todo isto, medramos coa idea de que a competitividade é o valor que nos conduce a un exitoso futuro, deixando no camiño a pracer do traballo en equipo, feito con esforzo e sacrificio, pero baseado na cooperación e que conleva unhas satisfaccións que non se conseguen de xeito individual.
Por estes motivos, as relacións entre a xuventude nos últimos tempos cambiaron notablemente. As redes sociais mudaron o concepto de “amigos”: en lugar de quedar coa xente para facer actividades en grupo, pechámonos nos nosos cuartos para estar conectados case as vinte e catro horas. En definitiva, as relacións son cada vez máis frias e superficiais, o que Catherine Jarvie denomina “relacións de bolsillo”, é dicir, amizades que temos pero que non “usamos” habitualmente, só cando temos un problema ou precisamos a súa axuda as “sacamos do peto”, chamamos a ese amigo que necesitamos e despois olvidámonos del de novo, e se o vemos pola rúa, nin sequera o saudamos. Isto non é máis que outra manifestación desa actitude que estamos adoptando de preocuparnos exclusivamente do noso benestar.
Non o podemos negar, o individualismo é o motor da nosa xeración, o que domina a nosa actitude ante a vida, os nosos obxectivos, as nosas metas, … Mais isto só confirma que somos bos alumnos dunha sociedade que nos conduce maxistralmente a un mundo individual que recrea continuamente o mito narcisista e egocéntrico. Mais o futuro é incerto, por iso pregúntovos: amosarán as novas xeracións unha actitude que continúe o modelo que nós lle legaremos? Ábrense as apostas.
Érika Diz
IES Fene